FEDERACIÓN GALEGA DE VELA

miércoles, diciembre 15, 2010

3ª CONCENTRACIÓN DE 49ER CO ADESTRADOR HOLANDÉS PIM NIEUWENHUIS NO CGV.

Participantes do adestramento de 49er con Pim (1º esquerda) e o adestrador da FGV Pepe Lis.

O derradeiro adestramento do ano para a clase 49er no Centro Galego de Vela comenzou o pasado domingo 12 de decembro e prolongarase ata o martes 21. As tres tripulacións que colaboran na fase de pretempada 2011 continúan co seu traballo en Vilagarcía con dúas sesións diarias de auga e posterior reunión nas aulas do CGV para visualizar os vídeos, comentar a xornada de adestramentos e sacar as conclusións pertinentes.
Para esta concentración cóntase coa participación do adestrador PIM NIEUWENHUIS, regatista holandés das clases Tornado e 49er. Pim conta cunha longa experiencia na vela de alto nivel, partipando nos Xogos Olímpicos de Pekín 2008 xunto con Micth Booth acadando o 5º posto, ademáis de ter competido no 49er antes do seu paso ó Tornado.
Os irmáns Paz do Liceo Casino de Vilagarcía, os alemáns irmáns Rieger e os belgas Lefebvre-Janssens están a ter moi boas condicións neste adestramento previo ás vacacións de Nadal con ventos entre 12 e 20 nós do NE e temperaturas agradables na ría de Arousa tódolos días. Principalmente estáse a traballar en aspectos técnicos e maniobras, sen esquecerse da posta a punto e trimado dos barcos.
Hoxe mércores 15 e venres 17 contaremos coa participación nos adestramentos das novas incorporacións ó 49er Nico Rodríguez (RCN Vigo) e Sergio Crespo (LC Vilagarcía), alternando os seus estudios en Santiago de Compostela cos adestramentos no CGV de Vilagarcía.
Despois do merecido descanso navideño continuarán as concentracións de 49er no CGV de cara as competicións do 2011 que comezan na 1ª semana de marzo coa Carnaval Race en Cádiz.

martes, diciembre 07, 2010

FOTOS DA SELECCIÓN GALEGA NOVACAIXAGALICIA DE 470 NA SEMANA OLÍMPICA CANARIA

César Conde do Liceo Casino de Vilagacía compite xunto co balear Maciá Alemany na Semana Olímpica Canaria, sitúanse na décimoterceira posición despois de dous días de regata e 3 probas contabilizadas.
Andrés e Rafael Jiménez ( RCN Vigo/CN Rodeira Cangas) participan na súa segunda competición oficial da clase 470 despois dun intenso ano de adestramentos no Centro Galego de Vela.
Saída dos 470s no primeiro día de competición onde rexistráronse refachos de 28 nós.

domingo, diciembre 05, 2010

Os galegos aférranse á metade da táboa na XII Semana Olímpica Canaria de Vela


Ata 30 nós de vento impiden o arranque do Campionato de España de Láser na localidade xerundense de Roses

Domingo, 5 de decembro 2010. - Bo arranque da XII Semana Olímpica Canaria de Vela "Trofeo El Corte Inglés", organizada polo Real Club Náutico de Gran Canaria manterá en competición ás unidades ata o próximo 8 de decembro e conta cunha forte representación galega. A cita encóntrase incluída no calendario da Real Federación Española de Vela e Federación Internacional que lle outorga o Grao 3 e que conta con cinco modalidades de clases olímpicas e dúas clases internacionais en calidade de convidadas. 470 masculino, 470 feminino, Láser Estandar, Láser Radial Feminino e RSX Juvenil, Copa de España. O panel de convidados complétano a Formula 18 e a Clase Láser Radial Masculino.
Así, en 470 tras completar dúas mangas César Conde, do Liceo Casino de Vilagarcía, que compite xunto ao balear Maciá Alemany, sitúase na décima praza con 22 puntos mentres que os irmáns Rafael e Andrés Jiménez, do Real Club Náutico de Vigo e Naútico de Cangas, suman 36 e ocupan a décimo sétima da categoría liderado por gregos Panagiotis Mantis e Pavlos Kagialis. Xa en Fórmula 18, de entre os galegos só lograron completar a única proba disputada os irmáns Santiago e Sebastián Estevéz, do Club Vela Playa del Bao, que van novenos na clasificación provisional xeral, que lideran os británicos Willian Sunnuchs e Oli Egan. Os outros dous equipos en liza, os formados por Manolo García e Alexis Parcerisa, baixo a mesma grímpola que os anteriores, e Chisco Catalán e José Quiñones, do Real Club Náutico de Sanxenxo, non chegaron a rematar a tempo polas duras inclemencias meteorolóxicas. En palabras de Manolo García, un dos patróns galegos da expedición a Canarias, "as condicións son duras, envorcamos case todos, con picas de 25 nós complicouse moito a competición e a intensidade era moi variable segundo as zonas do campo de regatas co que non puidemos facer nada por rematar en tempo".
Por último, a representante galega da clase olímpica de Láser Radial Feminino, Beatriz Lence, do Club Marítimo de Canido, tivo que abandonar a competición por problemas de saúde que lle obrigaron a volver á casa, mentres que na categoría invitada masculina Miguel Lorenzo García Lastra, de Sanxenxo, asinou un undécimo con claras posibilidades de recortar posicións nas próximas xornadas. Esta última queda liderada polo español Eduardo Pérez de Ascanio.

Campionato de España de Láser

Pola contra, as unidades que hoxe comezaban a competir polo Campionato de España de Láser que ata o próximo mércores se celebra na localidade catalá de Roses quedaron en terra tras varias probas na auga cun envorcado masivo das embarcacións. Os 30 nós de vento no campo de regatas impediron que se puidesen celebrar as probas previstas para esta xornada inaugural que quedou anulada á espera de que baixe a intensidade e mañá se poida retomar a cita nacional. Ata Xirona están desprazados varios equipos da Selección galega Novacaixagalicia integrados por Miguel Lence, Alberto Basadre e Álvaro Lence, do Club Marítimo de Canido; e Sergio Rodríguez, do Real Club Mar de Aguete, todos eles con moitas posibilidades de acceder ao podio.

viernes, diciembre 03, 2010

CONTINÚAN OS ADESTRAMENTOS DE 49ER NO CGV. OS IRMÁNS ALONSO SÚMANSE Ó GRUPO.

Condición de frío extremo e néboas matinais na Ría de Arousa.

Os adestramentos de pretempada da clase 49er continúan no Centro Galego de Vela esta semana con uns sparrings de luxo como son os membros do Equipo Preolímpico Español, os irmáns asturianos Federico e Arturo Alonso.
Os regatistas do Liceo Casino de Vilagarcía Carlos e Antón Paz proseguen coa súa preparación de cara á Selección do Equipo Preolímpico Español da clase 49er. Dende o pasado mes de novembro contan coa participación de dous tripulacións extranxeiras, os irmásn Max e Moritz Rieger e os belgas Yannick Lefebvre e Mattieu Janssens. A éstes súmanse or irmáns Alonso durante a Ponte da Constitución, quenes se desplazaron dende Santander ata Vilagarcía para adestrarse co grupo de traballo do Centro Galego de Vela.
Condicións extremas de frío na ría arousa que obriga ós equipos a adestrarse en dúas sesións, mañá e tarde. Os adestramentos están dirixidos polo Equipo Técnico da FGV con Pepe Lis ó frente.

jueves, diciembre 02, 2010

A Selección Galega NOVACAIXAGALICIA, preparada para o Campionato de España de Laser 4.7



Xoves, 2 de decembro de 2010. - O equipo da selección galega Novacaixagalicia puxo rumbo a Girona onde dende o próximo domingo e ata o mércores 8 de decembro se celebrará o Campionato de España de Láser na localidade catalá de Roses.
Catro días de intensa competición coa xornada do sábado dedicada a medición no que os catro patróns galegos parten con moitas posibilidades. Entre eles, Miguel Lence, Alberto Basadre, Álvaro Lence e Sergio Rodríguez. A destacar que estes tres últimos se enfrontan ao seu primeiro Campionato de España na categoría, coas expectativas moi altas, mentres que o primeiro Miguel Lence, recoñecido fai escasos días polo Consello Superior de Deportes e a Real Federación Española de Vela, como deportista de alto rendemento, intentará clasificarse para formar parte do equipo nacional da clase.
En canto ás previsións meteorolóxicas espérase moito vento para as dúas primeiras xornadas, cunha forte baixada de intensidade para martes e mércores que podería cambiar en función de como derive a fronte que afecta á Península.